MAXIAS Por Paco Martín
El Progreso, domingo, 19 de decembro de 1993

Untitled Document

Esto es la reproducción exacta de algunos de los recortes de Prensa, tal y como salieron en su día en cada uno de los periódicos y revistas. Las palabras aunque transcristas desde el periódico lo hacen fielmente a lo que fueron.
   
Andará por Vigo o Mago Antón, montando os toldos do seu máxico teatro despois de pasar por Compostela e máis pola Coruña deixando a fonda pegada do seu magnífico espectáculo. Non vou falar hoxe da altísima calidade do seu Vía Láctea, nin do agradecemento que as xentes de Lugo a el lle debemos por temo-la sorte e contar cun paisano que pode comparar, sen reparo ningún, a súa arte coa de calquera outro de calquera lugar do mundo. Podería ser que alguén pensase que me deixaba levar pola amizade e non é así a cousa.

Pero si me quixera referir a algo que escoitei o día que asistín a súa función. Nun momento determinado do espectáculo o home que estaba sentado atrás de min dirixiuse, en voz baixa, á nena que o acompañaba, filla del, supoño, e asombrada -coma todos-, polo que no escenario vía, para lle dicir: Pero muller, se todo é mentira.

A min doéronme as palabras do home aquel porque estaba, sen querelo, a enganar a unha pequena. O que alí acontecía era unha verdade inventada que diría Lord Byron, pero nunca unha mentira. Mentir é moito máis vulgar, noxento e ruín. Mente quen di ou fai algo que os demais poden crer, quen se aproveita de boa fe dos seus semellantes para el se beneficiar. Mente o candidato que promete o que despois nunca fará ou a persoa que non responde ás súas obrigas con desculpas posibles ou falsas doenzas, pero non o fai quen axuda a que voe a nosa imaxinación e, coas súas verdades inventadas, é quen de crear -son palabras de Valle Inclán referidas ó tema-, un paxaro de luz que canta como a esperanza, que consola e fai florecer as ánimas aflixidas.

Se cadra deberiamos convencer ós nosos fillos de que o que resulta arriscado é crer naquilo que pode entrar nos confins do posible. A verdade ten que se-la nosa amiga, como era de Aristóteles, e debemos camiñar sempre canda ela, mais a verdade nunca é absoluta polo que tampouco nunca poderá ser rexeitable a maxia da súa posible invención.