COLUMNAS "O MAGO ANTÓN."
Por ANTÓN
BAAMONTE
A Voz de Galicia Domingo,
19 de Septembro de 1993
Untitled Document
Esto es la reproducción exacta de algunos de los recortes de Prensa, tal y como salieron en su día en cada uno de los periódicos y revistas. Las palabras aunque transcristas desde el periódico lo hacen fielmente a lo que fueron.

Magos
¡que outra cousa poderíamos querer! Como non amaríamos un Merlín que derrotase
á meiga malvada. Como non pregaríamos por magos con pócimas, esconxuros, trucos
e retruécanos, fórmulas para recompoñer corpos -e corazóns: que tamén fenden-,
por magos descoidados, despistados e un pouco pirados, con maxias bondadosísimas
e sorprendentes.
Que existe o mal, e que no mundo minguou a verdade son asuntos que non hai que
discutir. Así que alguén ten que haber que se poña do lado do ben.
Que sexa o suficientemente maniqueo para supoñer que entre tanta dúbida, incertidume,
contradicción, é posible, sen embargo, distinguir aínda entre inocentes e bellacos.
Ten que haber alguén, algún mago, que nos invite á peregrinación, a contemplar
marabillas, rarezas e prodixios, faíscas das terras que non están non mapas
pero que son verdade: porque mentira é o que non se soña.
Ten que haber quen nos mostre o lugar onde os mortos resucitan, levitan os apóstoles,
o viño se multiplica e o amor -que sempre ten que ver coa bendita estupidez
nosa de cada día- se produza.
Onde estando o Bon Deus ausente sexa o Demo gracioso e lampantín. Onde, en fin,
sexan malvados os poderosos e aniñen nos libros as estrelas, as que nos guían
cara o País de Nunca Xamais, a nación onde os cativos non medran, a única que
merece a pena.
¿Qué máis quereríamos que magos! Como aquel Merlín, como este Antón, que é de
Lugo, que é como decir de Bagdad.
Como este mago Antón que aquí, en Santiago, aínda consigue que sigan brilando
os queridos, poderosos, estúpidos, antigos soños.